Ríos Coello, Yolanda
1979, nace en Moaña, vive e traballa en Moaña
Yolanda Ríos inicia o seu itinerario profesional a través dos Estudos Superiores de Artes Plásticas e Deseño en Proxectos e Dirección de Obras de Decoración na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Posteriormente gradúase en Belas Artes e obtén unha Bolsa de Colaboración no Departamento de Escultura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Inmediatamente despois realiza o Máster Universitario en Arte Contemporánea. Creación e Investigación na Universidade de Vigo que compaxina cunha Bolsa de Formación na Área de Imaxe da Universidade de Vigo. Ten a intención de realizar o doutorado na mesma Universidade.
Obtivo o Premio Extraordinario de Fin de Carreira da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, 2014. Participou no III Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela en setembro de 2013. Foi seleccionada en Novos Valores 2014 e premiada no I Premio Arte e Enfermidades Universitat Politecnica de Valencia 2014.
Finalmente participou en diversas exposicións colectivas como Eso sigue su curso 2014, Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo; Visibilización de ARTIST-as 2014, Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo; III Certame Barosa Líquida 2013, Espazo natural da ría Barosa, Barro, Pontevedra; Exposición Colectiva Do final e do comezo 2013, Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.